Ramón Bermejo, director do Coro da Ra: “Un bo cantante ten que ter honestidade na voz”

Ramón durante un ensaio do Coro do Ra. Foto: Suso Rivas

Ramón durante un ensaio do Coro do Ra. Foto: Suso Rivas

É xoves e chove, para variar. Como calquera outro xoves de calquera outra semana diríxome á Moniña. Normalmente vou ata alí estudar canto. Esta vez, en cambio, a miña viaxe é moito máis especial. Ó outro lado do enorme portalón verde agárdame, para min, un dos mellores profesores de canto (o meu) que hai no noso país, disposto a que o interrogue con tódalas miñas preguntas curiosas.  A confianza dá noxo e, hoxe, teño eu a tixola polo mango!

Ramón Bermejo, ademais de profesor de canto como xa vos comentei, é o director do xa supercoñecido Coro da Ra de Compostela e, desde hai pouco tempo, un dos membros da directiva da asociación Músicos ao Vivo.

E que máis podemos saber de ti, Ramón? Cóntanos como foron os teus comezos nisto da música.
Cando eu tiña quince ou dezaseis anos, aquí en Santiago non había nada. Estamos falando do ano 75, 76… daquela a única posibilidade de estudar música que había era o conservatorio clásico, que me parecía como moi rancio. Eu era un fanático do rock. Tiven moitos irmáns, a maioría maiores ca min, e eles mercaban moito rock, blues ou jazz… que era o que eu escoitaba desde neno e me chamaba a atención.
Partindo desa base, con dezaoito anos eu vía que todo o que se facía a nivel musical en España e que a min me gustaba nese momento saía de Barcelona. Alí estaban os principais festivais, as revistas de música como Vibraciones, Popular 1…  e as únicas escolas de música moderna daquel momento: L’aula de música moderna i Jazz e Taller de Músics. Entón, marchei para alí.

E non estudaras nada de música ata que marchaches con 18 anos?
Non. Eu cantaba na casa e tal, pero o conservatorio dábame repelús. Non tiña nada que ver coa idea que eu tiña da música naquel momento en concreto. Cando cheguei a Barcelona, matriculeime no Taller de Músics. Non era un método moi académico, pero si moi musical e moi directo. Os profesores era músicos moi bos: alemáns, checos, chilenos… xente do mundo do jazz que andaba pululando pola península e estaba alí concentrada. Entón xaora, aprendías porque había moita participación cos profesores, moitas jam sessions…
Co tempo, matriculeime no conservatorio superior de Barcelona e alí estudei solfexo e harmonía. E ó mesmo tempo que estudaba canto no Taller de músics e cun profesor de lírico fóra da escola, metinme nun coro porque sempre me encantou a música polifónica.

Cal foi a razón de que elixises a voz como instrumento?
Sempre me gustou, pero despois tamén coincidiu que, cando sufrín o cambio da voz e de repente se me puxo moi grave, comecei a sentir que a miña voz tiña certo poder.

É que tes un vozarrón!
(Ha, ha) a xente dicíamo, mais, por outro lado, tamén era unha limitación, porque a min gustábame a música de Deep Purple, Led Zeppelin… e eu non podía cantar os temas destes tíos alí arriba!… Entón non entendía nada… non sabía que había unha cousa que se chamaba tesitura, (ha, ha) era todo un pouco complicado.
Como comprenderás, fun moi feliz cando coñecín a Frank Zappa, a Jim Morrison e a xente así, que cantaba cantigas que eu podía cantar tamén.

“A música en vivo está pendendo dun fío, que é unha lei autonómica que produce moitísima inseguridade”

E dentro do teu amor polo traballo da voz… por que en especial polos grupos polifónicos? Con ese ‘pedazo’ instrumento nunca fuches solista?
Eu tiven grupos pequenos de jazz. Moitos dúos con Abe Rábade, Manolo Gutiérrez, Serafín Carballo… con moita xente. Sempre me gustou moito a dualidade de piano e voz, guitarra e voz… Era máis sinxelo tanto para ensaiar, como para atopar bólos.
Pero si é certo que a miña actividade profesional máis importante si se desenvolve en grupos vogais. Tiven un cuarteto en Barcelona que se chamaba Baobab. Eramos dous homes e dúas mulleres, e iamos acompañados con sección rítmica. Daquela, o grupo referencia para nós eran os Manhattan Transfer. Había outros, pero a nós encantábannos eles.
Con Baobab gañamos o Festival de Jazz de Getxo no ano 88 e fomos durante bastantes anos o grupo de jazz que máis traballaba en Catalunya. Tiñamos como 80 ou 90 bólos ao ano.

E con ese exitazo, por que parastes de tocar?
Por circunstancias persoais da xente. Hai momentos nos que hai que tomar unha serie de decisións que implican unha maior implicación, pese á redundancia… as cousas son así.
Despois desa formación montamos outro cuarteto a capella. Foi entón cando comecei a interesarme máis por ese estilo e tamén por utilizar os coros nos que eu cantara na vertente clásica para levalos ó tipo de música que me gustaba. Foi despois desta experiencia cando volvín para Galicia.

Parte dos membros do Coro da Ra. Foto: Suso Rivas

Parte dos membros do Coro da Ra. Foto: Suso Rivas

E vasme contar por que volviches?
Iso cóntocho off de record (ha,ha). Volvín por un cúmulo de razóns. Cuestións persoais por unha banda e ademais era un tempo no que era complicado vivir en Barcelona, aínda que estivese dando clase no Taller de músics. Por outra banda, en Santiago levaba un par de anos funcionando a escola Estudio e Suso Atanes ofrecérame traballo alí. Tamén aparecera a oportunidade de facer dobraxe. Eu fixera un par de cursos e aquí parecía que había bastante traballo, entón… volvín. Cando cheguei, incorporeime a Estudio, fundei o Coro da Ra… e ata hoxe!

Que foi o que te impulsou a crear un coro así, tan diferente ó que había ata daquela?
Xusto antes de vir fundara o coro do Taller de músics con outro profesor de alí. Esa, digamos que foi a primeira experiencia como director que eu tiven.  Sempre botara de menos, ao entrar no Taller de músics, que houbese unha big band pero non houbese un coro. Os cantantes, ou eran solistas ou nada! Botaba de menos formacións onde os que non son cantantes puidesen expresarse cantando. Sempre considerei moi importante que nunha escola de música houbese un coro para que tódolos instrumentistas cantasen. É moi importante que saiban cantar e que saiban cantar ben, que afinen e que teñan esa experiencia, porque estou convencido de que aqueles que cantan son moito mellores intérpretes.

Houbo moita afluencia ou á xente custoulle? Era algo totalmente diferente aos coros que había. Botaba iso para atrás ou o contrario?
O contrario! Realmente facía falla. Eu fixen moita publicidade por tódolos pubs de Santiago con slogans tipo: Queres cantar coma os negros? (Ha, ha).
Pobres! Viñan todos enganados! Pero enseguida había 40 persoas no coro.

Que é o mellor e o peor de traballar cun coro? Supoño que manexar a tanta xente xunta non é doado.
Si, no da Ra somos 65. A vantaxe é que, se nun coro falta alguén, non pasa nada. Se che falta nun cuarteto… cagámola! O coro vai soar diferente pero soa. Esa é a vantaxe.
O maior inconveniente… que é complicado manter a disciplina e hai que desenvolver unha inxente cantidade de paciencia e de man esquerda.

“Cando fundei o Coro da Ra fixen moita publicidade por tódolos pubs de Santiago con slogans tipo: Queres cantar coma os negros?” 

A pregunta do millón… é certo que nas probas do coro mandas cantar o ‘aniversario feliz‘?
(Ha, ha) durante moito tempo, efectivamente, pedía que, despois de facer outra serie de probas de memorización, rítmicas… xa para finalizar a xente cantase o ‘Aniversario feliz’ ou o ‘Susanita tiene un ratón’. Por que? Porque son dúas cantigas que non son tan doadas de cantar e porque chega o momento en que escoitando a alguén cantar unha desas dúas pezas xa sabes se canta ou non. Entón… para que meternos en máis saraos?

Que é o que para ti é máis importante nun bo cantante?
Primeiro, a honestidade. Iso inclúe que a súa voz sexa honesta. Non me gustan os cantantes que imitan, que soan a alguén. E, por outra banda, a actitude, a enerxía…

E nun bo coro?
Sentido do ritmo antes de nada, a afinación… Se me dan a escoller, prefiro que soen ben ritmicamente. Iso por un lado. E despois o equilibrio entre as voces e o empaste. Canto menos se noten as voces dos cantantes como individuos, mellor. Tamén valoro moito a capacidade de transmisión. Esta foi unha das cousas nas que avanzou o Coro da Ra moitísimo nestes últimos anos.

Como ves o panorama musical galego en xeral? Que se está a facer desde o colectivo Músicos ao Vivo?
Neste momento véxoo mal. Quero dicir, véxoo ben polo que respecta á parte creativa. Hai grupos fantásticos, cada vez a xente é máis nova e está máis preparada… pero o futuro é moi incerto.
A música en vivo está pendendo dun fío, que é unha lei autonómica que produce moitísima inseguridade. E por outra banda está o que é o día a día dos músicos a nivel traballadores… Falta que gañemos a consideración social que merece a profesión e que a nivel laboral tamén consigamos o que se conseguiu en case tódolos colectivos.
En Músicos ao Vivo estase traballando desde hai seis anos neste sentido. Primeiro, en mellorar no posible as condicións dos músicos que fan música en vivo, en que aumenten os circuitos… pero todo isto depende un pouco da actitude institucional. O primeiro que se precisa é unha lei que lle dea certa seguridade á actividade dos músicos e despois unha política que se deseñe a longo prazo, non como as que se fixeron ata o de agora, que son políticas cortoplacistas, nas que se gastaron moitísimos cartos e a maior parte delas non teñen ningún sentido. Deberíase deseñar unha política cultural que apoie o desenvolvemento da música galega desde tódolos ámbitos.

E despois desta entrevista de 40 minutos de reloxo chegamos ao final. Moitísimas grazas, Ramón, pola túa atención.
Grazas a vós!

A ver! Que tal o fago? Aniversario feliiiiiiz, aniversario feliiiiiiiz… 😉

Ramón nun ensaio. Foto: Suso Rivas.

Ramón nun ensaio. Foto: Suso Rivas.

EN CURTO

Que coro che gustaría dirixir?
Pois o coro Monteverdi ou o Eric Ericsson de Suecia, que son clásicos e referenciais, moi potentes.

Cantante masculino.
Kurt Elling, é un cantante de jazz, para min o máis completo que coñezo, cunha voz de barítono preciosa e unha técnica que utiliza de xeito supernatural. E, en Galicia, Xabier Díaz, non quero deixar de nomealo.

Cantante feminina.
Hai moitas que me gustan pero, por exemplo, Silvia Pérez Cruz.

Un lugar no que che gustaría para actuar.
Nos Jameos del Agua, en Tenerife. É un sitio impresionante metido na lava.

Un libro para informarse sobre técnica vocal.
A nivel básico, Como cantar. É un libro recente, que ten explicacións básicas que parecen moi sinxelas, pero ten o fundamental. Outra aproximación un pouco máis espiritual sería El Tao de la voz, escrito por un mestre chinés que fala da voz como vivencia.

Por Xiana Lastra
Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*