25 pezas de 10 países no III Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’

Parte do elenco de Chévere.

Parte do elenco de Chévere, compañía que participará neste Escenas do Cambio.

O Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’ volverá á Cidade da Cultura na súa terceira edición, entre o 28 de xaneiro e o 15 de febreiro, cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes. Nesta ocasión o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, que presentará ‘Cheverografías’, Matarile Teatro con ‘Antes de la metralla’ o iLMaquinario, con ‘Resaca’, entre outros nomes.

A ollada á escena galega convive coa atención ao teatro contemporáneo de América Latina, con propostas de nomes imprescindibles, como Federico León, Rodrigo García, Guillermo Calderón, Mariano Pensotti, Manuela Infante ou Magdalena Arau. Xunto a estas montaxes, ‘Escenas do Cambio’ avanza na súa vocación de traer a Galicia proxectos dalgunhas das compañías máis inquedas do panorama internacional, como o colectivo BERLIN, ou os proxectos de Ant Hampton e Tim Etchells, Takao Kawaguchi ou Trajal Harrell.

A idea é estender o festival máis alá dos espazos do Gaiás, con pezas que se desenvolverán nas rúas de Santiago, no Teatro Principal, no Salón Teatro e na estación de ferrocarril.

Os espazos de teatro
‘Escenas do Cambio’ convida a reflexionar sobre os espazos convencionais do teatro. Con Chévere, o festival percorrerá as rúas de Compostela, no proxecto ‘Cheverografías’, nunha experiencia teatral superposta sobre o mapa urbano de Compostela, a cidade natal desta compañía, e na que o público participará a través de reprodutores mp3.

O espazo volverá estar presente en ‘The Quiet Volume’ de Ant Hampton e Tim Etchells, que intervirán na Biblioteca e Arquivo de Galicia, e na que se explorará a tensión deste espazo, mestura de silencio e lectura concentrada. Esta idea sobre o lugar do teatro está presente no proxecto do arxentino Mariano Pensotti, que colaborará cos escritores galegos Teresa Moure, Antía Otero, Carlos Santiago e Antón Lopo, que crearán unha sorte de novela en vivo involucrando a persoas anónimas na estación de tren de Santiago.

Especial referencia merece a peza ‘Perhaps all the dragons’ do colectivo belga BERLIN, unha das compañías europeas que están a explorar con maior valentía os límites do teatro. Neste proxecto, a través dun instalación audiovisual comporá unha mesa redonda convidando ao público a un tête à tête con trinta historias, a modo dun barco á deriva ou unha nave espacial nunha viaxe de rumbo incerto.

Destaca no programa a retrospectiva sobre Federico León, que presentará ‘Las ideas’ e ‘Yo en el futuro’; ademais participará nunha conferencia e proxectaranse películas súas. Considerado o enfant terrible do teatro contemporáneo en Arxentina, Federico León ten levado ao extremo a idea de representación. O teatro social e político volve ter presenza entre as propostas que chegan de América, como ‘Mateluna’, do chileno Guillermo Calderón, que explora a idea de xustiza e dos ‘perversos mecanismos do Estado’, a través da historia dun ex guerrilleiro. ‘Escenas do Cambio’ trae tamén ‘Muerte y reencarnación en un cowboy’ unha das pezas de maior calidade do dramaturgo Rodrigo García, montaxe “irreverente e brutal” dun autor do que a crítica di que “os seus textos estalan como bombas”.

Danza de vangarda
A danza seguirá a ser outra das liñas do festival, con proxectos como o de Takao Kawaguchi sobre a figura de Kazuo Onho, bailarín xaponés de butoh, coñecida como ‘a danza cara á escuridade’, un xeito de bailar de contido espiritual que xurdíu no Xapón da posguerra, na atmosfera dos vencidos e das vítimas das bombas atómicos.

Outras das propostas máis atractivas será o proxecto ‘Envoltura’, unha homenaxe á bailarina Antonia Mercé, La Argentina, renovadora do baile en España na primeira metade do século XX, unha das pioneiras da danza contemporánea e cunha biografía conectada coa república e cos movementos políticos da época –faleceu horas despois de coñecer o alzamento das tropas franquistas-. Artistas como Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Patricia Caballero, Iñaki Azpillaga, Pedro G. Romero, Bobote e Camila Téllez participan nesta proposta. O festival programa tamén, neste contexto, a peza do coreógrafo norteamericano Trajal Harrell ‘The Return of La Argentina’.

Tamén no campo da danza, o festival presentará ‘Horion’, a proposta de Malika Djardi, unha das revelacións da escena francesa dos últimos anos, ou ‘Os solos da Marrabenta’ do monzabiqueño Panaibra Gabriel, unha coreografía en torno á música marrabenta, nacida nos anos cincuenta da combinación de influencias europeas e africanas, ligada á historia de Mozambique, antiga colonia de Portugal.

‘Escenas co cambio’ ofrecerá os proxectos das galegas Carolina Fernández, próximo ao teatro documental, as performances de Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo; ou nomes tan relevantes como Juan Domínguez ou Pablo Esbert e Federico Strate.

As entradas están desde hoxe á venda en www.escenasdocambio.org, onde tamén pode consultarse todo o contido do festival, que inclúe a participación en laboratorios e talleres, así como unha programación de conferencias e proxeccións audiovisuais.

Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*