Please Like Me: O aussie que cociña bailando

De pequena a miña relación con Australia reducíase a dúas iconas chegadas do  país dos canguros: Crocodilo Dundee e Mofli, o último koala (non hai discusión posible neste punto). Agora xa podo sumar un nome a esta lista excesivamente curta, o de Josh Thomas, creador e protagonista de Please Like Me, unha comedia dramática que podedes atopar en Netflix e que acaba de rematar a emisión da súa cuarta tempada.

A serie segue os pasos de Josh, un rapaz de 20 anos despreocupado e imaxinativo que vive  co seu mellor amigo, Tom. Cando coñecemos a Josh, a súa moza, Claire, rompe con el porque é gay. Ese mesmo día coñece o novo compañeiro de traballo de Tom, o atractivo  Geoffrey. Para complicar máis as cousas, a nai de Josh tenta suicidarse polo que terá que trasladarse a vivir con ela.

A serie, moi millenial ela, fala de moitas cousas, do amor, da sexualidade, da amizade, da familia, das enfermidades mentais… e o fai desde unha perspectiva  realista e próxima, tanto é así que en calquera parte do primeiro mundo, o espectador poderá entender e identificarse con Josh e o seu grupo. Unha das cousas que máis me chaman a atención de Please Like Me é o presente que está a comida na historia,  moitos capítulos teñen títulos como ‘Degustation’, ‘Truffled Mac and Cheese’, ‘French Toast’, ‘Portuguese Custard Tarts’, ‘All You Can Eat’, ‘Spanish Eggs’, ‘Horrible Sandwiches’… E  durante varios episodios a intro presentaba a Josh cociñando ó ritmo do I’ll Be Fine de Clairy Browne & the Bangin’ Rackettes, canción que xa forma parte da miña lista de favoritas.

En 2013, Josh (creador e protagonista) recoñeceu nunha entrevista para Indiewire que comezar os episodios cun número de baile na cociña “é divertido. Gústame cociñar e só quería poñer cousas na serie que me gustan”. Para algo a serie é súa, fas ben.

A comida tamén serve como catalizador narrativo, axudando ó desenvolvemento da trama e ó avance das personaxes. ‘Degustation’, capítulo da cuarta tempada, é un exemplo perfecto; tamén representa unha rareza dentro da estrutura habitual da serie xa que case a totalidade do episodio transcorre nun restaurante durante unha cea degustación de 15 pratos. Tres personaxes, Josh e os seus país divorciados, aproveitan a cea para falar sobre o pasado, recordar o bo e o malo, confesar e alixeirar a carga emocional.

O capítulo deixa ós tres personaxes cara a cara nun espazo do que no poden nin queren  escapar. O potencial dramático e cómico desta cea é tremendo,  tamén é unha oportunidade de ver a Josh a soas cos seus pais. O desfile de pratos, copas de viño e servicio é fantástico. O ambiente, natural e próximo, remarca, unha vez máis, a forte pegada da comida na serie: os títulos dos episodios, a xente cociñando e comendo xunta, as compras no supermercado, o carrito de venta de café de Josh… A comida é básica para entender moitas das dinámicas que se establecen entre as personaxes, amigos e familiares.

Please Like Me é unha moi boa serie, a voz do seu creador (como a de Lena Dunham en Girls ou a de Donald Glover en Atlanta) é única. Josh ten a capacidade de  narrar  unha historia multixeracional,  que aborda numerosos temas -algúns bastante delicados-,  sen perder o bo humor. Por moi duras que sexan algunhas das tramas, o sol sempre volve brillar nos ceos australianos e o corazón de Josh segue a cantar I’ll be fine.

Segue as historias do blog Como un Fénix premendo nesta ligazón.

Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*